martes, 1 de septiembre de 2020

“o socialista, non socio listo”.

A imaxe pode conter: dog, calzado e ao aire libre

.- Albino Fernández, “o socialista, non socio listo”.

Escóitalo falar de comer e de beber e, no intre, a fame e a sede, no teu corpo, despertan. El daba, coma min, acompañado do seu can (en realidade, unha cadela), longos e demorados paseos pola beira do río Lagares, no traxecto que leva de Balaídos a Samil, que vén sendo coma ir desde Muros a Louro, ou viceversa.


Conversador natural, persoa ocurrente e simpática, un tipo, en realidade, estupendo, falaba e coñecía á maioría dos viandantes e con eles intercambiaba unha palabra amable, unha confidencia, un aceno. O Albino, Albino Fernández, ofrecía (de balde) as súas solucións aos problemas do país e da xente. Eran solucións, como é ben normal, executivas, simples, inmediatas, rotundas, como deben ser, eficaces, a problemas complexos. Albino non é partidario de atenuantes nin de eximentes; el profesa a doctrina de que quen a faga que a pague, sen tardanza e sen lle dar moitas voltas. O principio de autoridade ha quedar salvagardado coa chave maestra da lei do talión exercida por algún cabovara.


Detrás da risoña fachado do Albino Fernández (“al vino”, coma lle gusta matizar) hai unha historia persoal fraguada e pintada coa dor das carencias: fillo de solteira, a súa figura materna era a da avoa que, daquela, exercía a venda ambulante polas casas, polas feiras e polas romarías. “Albiniño, ergue, homiño, ergue, que xa se nos fai tarde!” O primeiro bocado, na taberna do Grilo, era unha copa de auga ardente. “Toma, filliño, toma, que a caña quenta o corpo, da forzas e hache matar as lombrigas!”
A outra parte da infancia, toda a adolescencia e a primeira xuventude viviuna o Albino ao servizo do tío Rafael, no Bar Sentinela do Berbés, levando e traendo recados e servindo bocatas e tazas de viño. Alí, nesa escola, el aprendiu a base de hostias, de patadas no cu e de castigos corporais variados (de xeonllos no chan) diante da clientela. Alí soubo (que remedio!) esquivar as trampas que o tío político lle tendía para estar seguro de que non lle roubaba.


Afeccionado ao fútbol, directivo dun pequeno clube da cidade de Vigo, casado xa, home feito e dereito xa, despois de ter pasado pola peneira da Citroën, cun pequeño negocio na barriada do Calvario, chega á Cidade Olívica don Santiago Bernabeu e o Albino (entre os convidados de honra) asiste ao xantar de homenaxe ao Presidente do Real Madrid. Queda alucinado: “ Don Santiago, boísima persoa”, e a súa muller, dona María, ai!, unha santa, igualiños ca nós; cantos bicos e abrazos, na sobremesa, tralo café e copa!”


Albino Fernández, segundo me confesa sen mediar a pregunta, é socialista de corazón de toda a vida (“non socio listo”, matiza el): “Aquí facíanos moita falta outro Franco -di, así, polo claro- que dera ben duro, que volvera a limpar o país da borralla, que restaurara a pena de morte. Hoxe non hai medo ningún á autoridade da policía, da garda civil; que tempos aqueles, os nosos, cando un se levantaba para saudar aos corpos de seguridade con educación e respecto, sacaba a boina da cabeza e lles cedía o paso e o sitio!”


Albino ten muller, ten fillos e ten netos e pensa (di que pensa) que o futuro se escribe dereito coas raias torcidas. Por iso é “socialista, non socio listo”, conclúe. E vai sobrado de razón, non vos parece?

          (Rioderradeiro)