.- Albino
Fernández, “o socialista, non socio listo”.
Escóitalo
falar de comer e de beber e, no intre, a fame e a sede, no teu corpo,
despertan. El daba, coma min, acompañado do seu can (en realidade,
unha cadela), longos e demorados paseos pola beira do río Lagares,
no traxecto que leva de Balaídos a Samil, que vén sendo coma ir
desde Muros a Louro, ou viceversa.
Conversador
natural, persoa ocurrente e simpática, un tipo, en realidade,
estupendo, falaba e coñecía á maioría dos viandantes e con eles
intercambiaba unha palabra amable, unha confidencia, un aceno. O
Albino, Albino Fernández, ofrecía (de balde) as súas solucións
aos problemas do país e da xente. Eran solucións, como é ben
normal, executivas, simples, inmediatas, rotundas, como deben ser,
eficaces, a problemas complexos. Albino non é partidario de
atenuantes nin de eximentes; el profesa a doctrina de que quen a faga
que a pague, sen tardanza e sen lle dar moitas voltas. O principio de
autoridade ha quedar salvagardado coa chave maestra da lei do talión
exercida por algún cabovara.
Detrás
da risoña fachado do Albino Fernández (“al vino”, coma lle
gusta matizar) hai unha historia persoal fraguada e pintada coa dor
das carencias: fillo de solteira, a súa figura materna era a da avoa
que, daquela, exercía a venda ambulante polas casas, polas feiras e
polas romarías. “Albiniño, ergue, homiño, ergue, que xa se nos
fai tarde!” O primeiro bocado, na taberna do Grilo, era unha copa
de auga ardente. “Toma, filliño, toma, que a caña quenta o corpo,
da forzas e hache matar as lombrigas!”
A
outra parte da infancia, toda a adolescencia e a primeira xuventude
viviuna o Albino ao servizo do tío Rafael, no Bar Sentinela do
Berbés, levando e traendo recados e servindo bocatas e tazas de
viño. Alí, nesa escola, el aprendiu a base de hostias, de patadas
no cu e de castigos corporais variados (de xeonllos no chan) diante
da clientela. Alí soubo (que remedio!) esquivar as trampas que o tío
político lle tendía para estar seguro de que non lle roubaba.
Afeccionado
ao fútbol, directivo dun pequeno clube da cidade de Vigo, casado xa,
home feito e dereito xa, despois de ter pasado pola peneira da
Citroën, cun pequeño negocio na barriada do Calvario, chega á
Cidade Olívica don Santiago Bernabeu e o Albino (entre os convidados
de honra) asiste ao xantar de homenaxe ao Presidente do Real Madrid.
Queda alucinado: “ Don Santiago, boísima persoa”, e a súa
muller, dona María, ai!, unha santa, igualiños ca nós; cantos
bicos e abrazos, na sobremesa, tralo café e copa!”
Albino
Fernández, segundo me confesa sen mediar a pregunta, é socialista
de corazón de toda a vida (“non socio listo”, matiza el): “Aquí
facíanos moita falta outro Franco -di, así, polo claro- que dera
ben duro, que volvera a limpar o país da borralla, que restaurara a
pena de morte. Hoxe non hai medo ningún á autoridade da policía,
da garda civil; que tempos aqueles, os nosos, cando un se levantaba
para saudar aos corpos de seguridade con educación e respecto,
sacaba a boina da cabeza e lles cedía o paso e o sitio!”
Albino
ten muller, ten fillos e ten netos e pensa (di que pensa) que o
futuro se escribe dereito coas raias torcidas. Por iso é
“socialista, non socio listo”, conclúe. E vai sobrado de razón,
non vos parece?
(Rioderradeiro)